Saturday 27 de April de 2024

Rueda agradece a designación como Peregrino de Honra polo poncello de Padrón e salienta a contribución da vila ao crecemento do Camiño Portugués


 Comprométese a levar a distinción “con orgullo” tanto no plano institucional como no persoal

 Subliña as cifras históricas que está a acadar o Camiño Portugués, a ruta que máis medrou nos últimos anos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, agradeceu a designación como Peregrino de Honra que lle fixo o Concello de Padrón e salientou a contribución da vila ao crecemento do Camiño Portugués.

O presidente da Xunta súmase así a unha lista de distinguidos da que forman parte figuras como Pepe Domingo Castaño, Xesús Palmou ou Nava Castro. Alfonso Rueda agradeceu o nomeamento e comprometeuse a levar a distinción “con orgullo” tanto no plano institucional como presidente da Xunta como no plano persoal como peregrino. “A honra é miña”, asegurou.

O presidente da Xunta recordou a contribución do concello de Padrón ao fenómeno xacobeo por ser o lugar no que a tradición sitúa a barca de pedra cos restos do Apóstolo Santiago, pero tamén polo seu labor a favor do crecemento do Camiño Portugués, a ruta que máis está a medrar: “Padrón é un termómetro da fortaleza do Camiño”, dixo.

O mandatario galego agradeceu o recoñecemento do Concello de Padrón e valorou positivamente que coincidise cun Xacobeo histórico que está a bater todos os récords, con máis de 190.000 compostelas entregadas no que vai de ano e máis de 52.000 peregrinos no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa.

A Xunta investiu desde o ano 2019 máis de 2,3 millóns de euros para a mellora e conservación do Camiño Portugués, aos que se suman 600.000 euros máis destinados a mellorar os dez albergues do itinerario, con capacidade para 500 prazas.